Activado o “protocolo de frío” para atender ás persoas que viven na rúa

PONTEVEDRA> Coa baixada das temperaturas tense activado o “protocolo de frío” do concello, para atender ás persoas que por distintas circunstancias se ven obrigadas a vivir na rúa. Nestas datas, debido as condicións climatolóxicas, ademais de ofrecer camas nalgún dos centros da RedeAxuda, entrégase roupa de abrigo.

O frío rexistrado nestes últimos días na cidade obriga a prestar especial atención a aquelas persoas que carecen de vivenda. A concellería de benestar social activa nestas ocasións un protocolo de frío para garantir a atención adecuada dos “sen teito”.

Nestes momentos aínda hai algunha cama libre nos centros da RedeAxuda, que suman sobre 32 prazas, pero en caso de completarse está previsto que poidan pasar a noite en hostais cos que o concello ten convenio. A aquelas persoas que se negan a aloxarse nos centros, entrégaselles roupa de abrigo.

Os dous albergues cos que colabora o concello son o de Calor y Café, na rúa Casimiro Gómez, e o de San Javier en Monte Porreiro, xestionado por Cáritas Interparroquial.