O BNG defenderá no Parlamento a Sanidade Pública, o saneamento da ría e a seguridade viaria

PONTEVEDRA> O deputado do BNG por Pontevedra no parlamento galego, Luis Bará, explicaba esta mañá cales serán as liñas de actuación do seu grupo na cámara autonómica durante o 2019. A sanidade pública, o saneamento da ría e a seguridade viaria serán os tres grandes eixos nos que se agruparán as iniciativas a presentar.

Dentro das iniciativas parlamentarias previstas polo grupo do BNG para este ano, esta mesma semana defenderán a sanidade pública, que atravesa unha situación complicada coa folga dos PAC e os problemas na atención primaria en moitos concellos da provincia.

Pedirán a estabilidade na contratación do persoal sanitario para evitar a fuga masiva de profesionais a outros países.

A segunda liña de actuación centrarase no saneamento da ría, moi deteriorada polos vertidos urbanos e industriais. O BNG levará ó parlamento a oposición unánime da corporación municipal de Pontevedra en contra da construción dunha nova depuradora nos Praceres.

Tamén reclamarán ó goberno central a revisión da prórroga concedida a ENCE e esixirán a recuperación dos terreos que ocupaba Elnosa. Abordarán tamén a necesidade de acometer a dragaxe do río Lérez e o fondo da ría.

En relación coa seguridade viaria, reclamarán actuacións nas vías da provincia máis saturadas e nos puntos negros, xa que o aumento de vítimas mortais nas estradas galegas durante o 2018 fan evidente a necesidade de intervir neste eido.

Bará explicou que será necesario aumentar a seguridade nas vías cun incremento de circulación debido ó que consideran o “atraco” das peaxes da AP-9, da que seguirán pedindo a transferencia.

O parlamentario apuntou que todos estes temas, ademais de ser levados ó Parlamento, será necesario sacalos a rúa, para que mediante a presión cidadá o goberno galego se vexa apremado a buscar solucións.