A Cruz Vermella de Boiro retoma o seu proxecto Ludieduca

POBRA> Tralo parón de Nadal, a actividade, que busca fomentar a educación en valores dos máis pequenos, iniciábase esta mañá no colexio Salustiano Rey Eiras.

Os hábitos de vida saudables, o coidado do medio ambiente, a integración das persoas inmigrantes ou a igualdade son algúns dos contidos abordados neste programa Ludieduca, xurdido como experiencia piloto no ano 2012, que desenvolve a Asemblea Local da Cruz Vermella de Boiro, en colaboración co grupo Jealsa-Escurís. Trátase en definitiva de conseguir que os cativos estean máis comprometidos e implicados coa sociedade.

Para os pequenos é unha experiencia moi positiva, xa que se tocan temáticas complementarias que non se traballan no resto de asignaturas cotiás pero que tamén son importantes.

Na actividade, que se prolongará ata o remate do curso no mes de xuño, participan ó redor duns 160 nenos de seis colexios da zona, catro de Boiro e dous da Pobra, de idades comprendidas entre os oito e os nove anos.