“Pinto e Maragota”, nova liña estratéxica do concello en favor do respecto á diversidade sexual

24

PONTEVEDRA> O programa “Pinto e Maragota” establecerá unha nova liña de traballo no concello de Pontevedra para favorecer a vida en igualdade do colectivo LGTBIQ+, a través da visibilización, formación e información sobre a diversidade sexual.

O Concello de Pontevedra pon en marcha unha nova liña de traballo básica e estratéxica, que atravesará a acción municipal en todos os eidos, co fin de favorecer o respecto á diversidade sexual e de xénero; defender e garantir os dereitos do colectivo LGTBIQ+ ; e promover a empatía de toda a cidadanía pontevedresa.

Na presentación do programa, a concelleira de igualdade explicou a razón do nome escollido, que da conta de que a diversidade é algo natural.

“Pinto e Maragota” establecerá mecanismos de apoio á poboación LGTBIQ+ e as súas familias. E prestarase especial atención á formación da policía local.

Tamén impulsará actividades durante todo o ano para sensibilizar á sociedade e combater a fobia cara ó colectivo.

A primeira cita do programa será a xornada “A diversidade sexual nas aulas. Materia pendente?”, que terá lugar o sábado 19 de xaneiro no Pazo da Cultura.