PONTEVEDRA> Onde non houbo acordo e si un duro debate foi ao tratar a moción presentada polo Partido Popular para reclamar a modificación do Plan Especial do Casco Histórico, máis coñecido como Peprica. PP e PSOE queren que se introduzan cambios para dar seguridade ao ocio nocturno e a hostalería desta zona.
Partido Popular e Partido Socialista sacaron adiante esta mañá unha moción reclamando a modificación urxente do Plan Especial do Casco Histórico de Pontevedra,máis coñecido como Peprica.
Foi o PP quen levou a cuestión ao pleno. O Partido Socialista plantexou dúas emendas que foron aceptadas polos populares. O que buscan, aseguran, é conseguir un equilibrio entre a actividade hostaleira e o dereito dos veciños da zona a descansar.
Pero os argumentos de populares e socialistas non convenceron ao BNG. O goberno defende a utilidade do Peprica, que permitiu, din, rescatar a Zona Vella da situación de degradación na que se atopaba hai 25 anos. O concelleiro César Mosquera asegurou ademais que modificar a norma non solucionaría os problemas que afrontan algúns locais de ocio nocturno do casco histórico, derivados de normativas alleas ao plan municipal.
Un grupo de representantes veciñais seguiron o debate dende o patio de butacas do teatro. Antes de que o Partido Popular presentara a súa moción puxéronse en pé para reclamar que non se toque o Peprica.