A vivenda e o cemitero de San Mauro os principais focos de investigación na desaparición de Sonia Iglesias

Pontevedra> A reapertura xudicial do caso da desaparición de Sonia Iglesias ten como principais focos, segundo fontes próximas á investigación, a casa de Julio Araújo e o cemiterio de San Amaro. O xulgado de instrución número 3, que leva este caso, autorizou dous rexistros por este tema, e de momento, non hai unha orde de rexistro para ningún outro punto.

Segundo fontes próximas á investigación todo indica que os principais focos onde están a traballar trala reapertura do caso de Sonia Iglesias son a vivenda familiar e o cemiterio de San Mauro. Unha destas evidencias é que onte unha das preguntas que lle realizaron a Julio Araújo está neste punto, en saber se fixo algunha intervención non autorizada no panteón familiar, e outra das preguntas estivo centrada en si pasara por esta parroquia de San Mauro o día da desaparición de Sonia Iglesias. Cabe lembrar que Julio Araújo se acolleu ao seu dereito de non declarar e polo tanto non respondeu a ningunha destas preguntas.

O que sí que sabemos de momento é que a xuíza do Xulgado de instrución número 3 autorizou dous rexistros, un foi na casa da familia de Julio Araújo en San Mauro, un lugar onde estiveron traballando un total de 2 días e preto de 13 horas e o outro nun taller de Vilalonga onde se fixo o rexistro do coche da muller de David Araújo, o seu irmán que tamén está investigado policialmente na causa.

Segundo algúns medios de comunicación a nivel nacional a Policía Nacional baralla que o corpo de Sonia Iglesias pode estar enterrado no panteón da familia Araújo do cemiterio de San Mauro. Segundo esta hipótese, paso necesario sería exhumar os cadáveres enterrados nese panteón e analizar os restos para determinar se algún se corresponde co da desaparecida, pero se trata dunha actuación que os xulgados adoitan autorizar con moitas reticencias, dado o impacto psicolóxico que supón para as familias.

De momento o xulgado de instrución número 3 non deu nin conta con ningunha orde xudicial de rexistro para ningún outro punto. Fontes xudiciais confirman, que en todo caso, os rexistros autorizados pola xuíza instrutora xa concluíron.