PONTEVEDRA> Se dende o concello de Pontevedra e a Deputación se fala de cooperación entre institucións, dende o Partido Popular pontevedrés cren que a cesión do convento será unha perda de patrimonio para a cidade.
Hoxe Rafa Domínguez explicou que ve con bos ollos que Santa Clara pase a formar parte do Museo, pero non lle gusta a fórmula que podería escollerse para facelo. Segundo adiantou onte o vicepresidente da Deputación e concelleiro en Pontevedra, César Mosquera sería unha cesión definitiva.
Domínguez asegurou que a súa formación apoiou a compra do convento. O prezo pareceulles axeitado e só fixeron dúas demandas: por unha banda, que os xardíns do edificio histórico foran de uso público para toda a veciñanza e, pola outra, coñecer os usos que se lle ían dar. Por iso matiza que non se opón a que o concello e a Deputación asinen un convenio de colaboración en lugar dunha cesión definitiva para incorporalo ao convento.
Estas declaracións de Domínguez foron duramente criticadas polo alcalde de Pontevedra e a presidenta e o vicepresidente da Deputación trala sinatura do protocolo.