O delegado do goberno fai balance dos sete meses de xestión de Pedro Sánchez para Pontevedra

PONTEVEDRA> O Delegado do goberno en Galicia fixo esta mañá balance dos sete meses de xestión do executivo de Pedro Sánchez no que se refire a Pontevedra. Trasladou o compromiso do presidente do goberno cos proxectos pendentes na provincia e declarou a aposta por unha rexeneración integral da ría en consenso con todas as administracións.

Javier Losada compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para facer balance da repercusión en Pontevedra dos sete primeiros meses de Pedro Sánchez á fronte do goberno. Asegurou que se ten cambiado o fondo e a forma para facer progresar a provincia.

O delegado do goberno enumerou os investimentos en infraestruturas, que inclúen a construción, mellora e mantemento na rede de estradas.

Tamén falou das melloras na rede ferroviaria, que permitirán reducir o tempo da conexión de Pontevedra coa meseta.

No tocante ó Medio Ambiente, recalcou o compromiso do goberno para conseguir unha Pontevedra limpa e saudable, ó que contribúe a caducidade da concesión de Elnosa e para o que aposta por unha rexeneración integral da ría en lugar dunha actuación “con parches”.

Losada tamén se pronunciou sobre a situación da violencia de xénero na provincia. Indicou que no ano 2018 houbo 5.000 denuncias en Galicia, das cales 1.773 foron en Pontevedra, e no que vai do 2019 xa se teñen presentado 21, 7 delas na provincia. Estes datos, afirmou, fan imprescindible unha defensa férrea da actual lexislación.

Tras a súa comparecencia, o delegado do goberno en Galicia reuniuse co candidato á alcaldía polo PSOE, Tino Fernández.