O goberno de Poio deféndese dos ataques do PP á sua política fiscal

POIO> O equipo de goberno de Poio saíu esta mañá a responder á convocatoria do PP para protestar contra a xestión municipal mediante a iniciativa “Abraza o concello”. O executivo poiense asegurou que as críticas dos populares se basean en datos falsos, e que ademais de que os impostos levan conxelados seis anos, a presión fiscal do municipio se sitúa na media de Galicia.

Ante as críticas do PP á política fiscal do concello de Poio, o equipo de goberno explicou esta mañá os datos referentes ós impostos, que segundo o alcalde, ademais de levar anos conxelados, se sitúan na media autonómica.

No tocante ó IBI, explicaron que os veciños de Poio pagan menos que a media dos concellos da mesma franxa de poboación.

O concelleiro de facenda defendeu que en cada municipio se decide cómo se estrutura a recadación, e que en Poio o que pagan en total de impostos os veciños non é moi superior ó que se paga no resto de Galicia. Explicou tamén que parte das taxas que recada o concello van para a Xunta.

A tenente de alcalde aproveitou para pedir os populares que se preocupen dos proxectos que a Xunta ten paralizados no concello.