PONTEVEDRA> A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou no 2024 a doazón de nove órganos e dúas córneas. Todos procedentes de tres doadores, dun total de cinco potenciais. Destacan dende a xerencia que tan só se deu unha negativa familiar. Ademais, o Hospital Montecelo ten en marcha un novo protocolo de doazón tras unha morte circulatoria, coñecida como doazón en asistolia controlada, que cren que incrementará o número de doadores. Esta mesma tarde, realizouse a primeira destas doazóns.
A Oficina de Coordinación de Transplantes da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés xestionou no 2024 a doazón de nove órganos e dúas córneas. Foron, en concreto, dous pulmóns, un fígado e seis riles, procedentes de tres doadores reais dun total de cinco potenciais.
Hai que ter en conta que ao redor do 90% dos doantes desta área son maiores de 75 anos. O balance de 2024 revela que tan só se deu unha negativa familiar á doazón de órganos e ningunha contraindicación médica por causas clínicas e metabólicas.
Estas doazóns realizáronse en pacientes en morte cerebral pero dende febreiro do ano pasado o Hospital Montecelo conta cun protocolo para realizar a doazón de órganos tras unha morte circulatoria, coñecida como doazón en asistolia controlada.
Os doadores son, principalmente, pacientes con dano cerebral catastrófico, enfermidades neurodexenerativas, cardíacas ou respiratorias en fase terminal. Esta tarde realizouse a primeira destas doazóns en asistolia controlada, cun doador varón de 72 anos.
No 2024, foron localizados cinco doadores potenciais en asistolia controlada pero finalmente as doazóns non se levaron a cabo. No que levamos de 2025 xa se detectaron tres candidatos, incluído o realizado esta tarde. Os outros dous foron desbotados por contraindicacións médicas.











