As clarisas reclaman o altar da Virxe dos Desamparados, que marchará para Santiago

PONTEVEDRA> O altar da Virxe dos Desamparados abandonará a igrexa do convento de Santa Clara de Pontevedra. A orde das clarisas solicitou o seu traslado a Santiago e xa contan co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio. Dende o goberno da Deputación, o seu vicepresidente responsabiliza ao alcalde da cidade. Para Rafa Domínguez, no momento da compra Miguel Anxo Fernández Lores firmou o maior espolio cultural da historia pontevedresa ao permitir que estas pezas seguiran sendo propiedade da igrexa.

As clarisas levarán o altar da Virxe dos Desamparados para Santiago. A peza, que actualmente está na igrexa do convento de Santa Clara, foi reclamada pola orde relixiosa.

Para o vicepresidente da Deputación, o responsable desta situación é o alcalde de Pontevedra. Rafa Domínguez critica que no contrato de compravenda se reservara á orde relixiosa a opción de reclamar os retablos da igrexa antes de rematar o 2025. Polo que poderían levar tamén o altar maior, valorado en 126.000 euros, os laterais, o púlpito, o coro ou o órgano, cun valor calculado nos 135.000 euros.

Domínguez recordou tamén que froito do contrato de compravenda asinado polo concello de Pontevedra, as clarisas levaron xa 18 pezas relixiosas no momento de deixar o convento.

O traslado do altar da Virxe dos Desamparados xa conta co visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e a orde relixiosa ten 20 días dende hoxe para levar a cabo o traslado. Está valorado en 74.000 euros e a intención das clarisas é mantelo para o culto.