PONTEVEDRA> Pontevedra traslada a súa nova imaxe corporativa ao rueiro municipal. O proceso comezará pola Zona Vella. O concello mudará as 150 placas que identifican as súas rúas e prazas empregando un novo modelo. Están feitas en material porcelánico branco, coas letras en azul e co novo escudo.
A nova imaxe corporativa do concello de Pontevedra chegará moi pronto ás rúas e prazas da Zona Vella. O goberno local xa ten escollido o novo modelo de placa que recollerá os nomes destes espazos.
Segundo o estudo realizado polo concello, na Zona Monumental son 150 as placas que hai que mudar. Moitas das actuais están en mal estado. Ademais, conviven modelos de diferentes épocas.
Esta primeira fase conta cun orzamento de 40.000 euros. Xa en fases posteriores, o proceso estenderase ao resto do núcleo urbano. Pero neste caso só se substituirán as que estean en mal estado.
As placas que se cambien no casco urbano serán substituídas polo coñecido como ‘modelo Oporto’, unha fundición de aluminio pintada de azul que xa se pode ver, por exemplo, na Avenida Virxinia Pereira. Todo este procedemento aproveitarase tamén para corrixir os erros do rueiro, sobre todo en materia de normalización lingüística.