Rafa Domínguez asina ante notario os seus compromisos co rural

PONTEVEDRA> O candidato á alcaldía de Pontevedra polo PP, Rafa Domínguez, asinou esta mañá ante notario doce promesas electorais para o rural. Con este xesto quixo demostrar o seu compromiso persoal coas parroquias pontevedresas.

Rafa Domínguez comprometeuse esta mañá ante notario a acometer 12 medidas dirixidas especificamente ó eido rural. No documento asegura que todas elas se executarán durante o seu primeiro mandato se consegue a alcaldía nas vindeiras eleccións municipais.

Entre as medidas recollidas no contrato coas parroquias están a dotación de saneamento e abastecemento para “todas” as vivendas do rural; acometer a separación das augas pluviais e fecais, ou por en marcha un plan de desbroce continuo.

Tamén realizaría o bacheado e asfaltado; duplicaría os puntos de luz e crearía unha rede de transporte público que conecte ás parroquias co centro.

As 12 medidas complétanse coa aprobación dun novo PXOM; o apoio económico ás festas populares; beirarrúas e melloras da seguridade peonil; recuperación de lavadoiros, cruceiros, marquesiñas e camiños históricos; baixada de impostos; fibra óptica, e mellorar a recollida de lixo.

Sobre as consecuencias que tería o incumprimento deste contrato, o voceiro popular sinalou que de non conseguir facelo se sentiría moi defraudado consigo mesmo.