Decepción en Pontevedra cos orzamentos de Pedro Sánchez

PONTEVEDRA> Presentados onte os Orzamentos Xerais do Estado para 2019, toca coñecer a valoración dos distintos grupos políticos en Pontevedra. O goberno local e o PP compareceron esta mañá para amosar o seu desacordo cunhas contas que pouco invisten na cidade.

O goberno local pontevedrés valorou esta mañá os Orzamentos Xerais do Estado para o 2019. Segundo a tenente de alcalde, representan a paralización dos investimentos en Pontevedra.

O proxecto orzamentario deixa clara a paralización da A-57, que estende a finalización do tramo en execución ata o 2021 e contempla tan só 100.000 euros para os novos tramos – entre A Ermida e Pilarteiros, e Curro-.

Segundo Carme  da Silva, o retraso da autovía estase a xustificar xerando discusión sobre o trazado.

A tenente de alcalde tamén lamentou que non apareza reflectido nos orzamentos o nó dos bombeiros, que conectará coa AP-9 e lembrou que a autoestrada segue a ter unhas portaxes moi elevadas mentres se rebaixan as das radiais rescatadas.

Tamén valorou os orzamentos o representante do PP en Pontevedra, que se declarou “decepcionado e enfadado”.

Os orzamentos tamén foron rexeitados por Marea Pontevedra e Cidadáns. Para Luís Rei, amosan pouca sensibilidade social e ambiental e seguen maltratando á Boa Vila. Para María Rey, Pontevedra paga o prezo da traizón de Pedro Sánchez a España.