González ve ‘enfermiza’ a oposición do PP á planta de compostaxe e asegura que a Canicouva conta cos informes favorables

PONTEVEDRA> En Pontevedra, onte o Partido Popular cuestionaba a viabilidade da planta de compostaxe que o goberno local proxecta para a Canicouva. Hoxe, o concelleiro responsable dos residuos urbanos saíu ao paso destas declaracións. Segundo Raimundo González, enmárcanse na oposición virulenta e enfermiza do PP e de Rafa Domínguez ao proxecto da compostaxe na cidade. E asegura que o proxecto da Canicouva conta cos informes técnicos favorables dende antes de que se alugara o terreo no 2015.

O concelleiro de residuos urbanos de Pontevedra asegura que construír unha planta de compostaxe nos terreos que o concello ten alugados na Canicouva é totalmente viable.

Raimundo González sae así ao paso das dúbidas que onte sementaba o voceiro do Partido Popular sobre o proxecto. Rafa Domínguez aseguraba que construír a planta nesta parcela é técnicamente imposible, de aí que no novo contrato do lixo se incluíra unha cláusula que permitiría á empresa adxudicataria facela noutra zona.

González explica que a planta é un dos tres piares do modelo que o concello de Pontevedra impulsa baseado na compostaxe. Os outros dous son os composteiros individuais e os comunitarios. Propostas todas que, recorda o edil, nalgún momento contaron coa oposición do PP.

O edil nacionalista recordou que as lexislacións europea, estatal e da Xunta de Galicia imponen este tratamento dos biorresiduos.