O PP esixe un trazado da A-57 “menos lesivo” para Xeve e Bora

PONTEVEDRA> O PP pontevedrés explicou esta mañá a súa postura sobre a A-57,  despois de que a comisión de infraestruturas decidise onte apoiar a alternativa 1 do Ministerio de Fomento para o segundo tramo da autovía. Tras unha reunión cos veciños de Xeve e Bora, os populares esixen un trazado “menos lesivo” para o paso da autovía por estas parroquias.

O Partido Popular reuniuse cos veciños de Xeve e Bora para recoller as súas inquedanzas polo trazado da A-57 ó paso polas súas parroquias. O PP defenderá ante as distintas administracións que se busque un  trazado menos lesivo e que se incorporen ó proxecto as suxestións da veciñanza.

Rafa Domínguez denuncia que están “comprometidas” unhas cincuenta vivendas, total ou parcialmente, e que pequenas modificacións solucionarían a maioría das afectacións.

O PP local  transmitiu a súa estrañeza por que o goberno do BNG apoie un trazado moi similar ó que xa rexeitou dúas veces no Pleno de Pontevedra,  e lamenta que non tivera recibido ós afectados.

Os populares reuniranse novamente cos veciños para valorar a posibilidade de presentar alegacións ó proxecto.