A candidatura de Luis López a presidir o PP de Pontevedra consegue máis de 2.300 avais

PONTEVEDRA> Máis de 2.300 afiliados do Partido Popular de Pontevedra apoian a candidatura de Luis López a presidir a formación a nivel provincial. Hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra entregou ante o Comité Organizador do Congreso os avais que respaldan o seu paso adiante. Unha cifra moi lonxe dos 75 requiridos para presentar candidatura, e que López interpreta como un éxito colectivo do proxecto popular.

Apoio masivo dos afiliados do Partido Popular de Pontevedra á candidatura do seu actual secretario xeral a presidir a formación a nivel provincial. Este mediodía, Luis López presentou 2.363 avais, cifra moi lonxe do mínimo de 75 apoios necesarios para ser candidato.

Os avais terán que ser agora revisados pola Comisión Organizadora do Congreso, que terá que confirmar a súa proclamación como candidato. Despois, López comezará unha campaña electoral interna, entre o 22 e o 29 de xuño.

O delegado da Xunta en Pontevedra fixo fincapé no peso que as agrupacións locais terán no seu proxecto. A elas ofreceulles apoio e reclamoulles traballo, pensando nas eleccións municipais do 2023.

López tamén asegurou que xa ten na cabeza moitos dos nomes que formarán o equipo que presentará no congreso provincial do 9 de xullo.

Así as cousas, non quixo adiantar nin eses nomes nin as novidades que vai introducir nos seus plans para dirixir o Partido Popular de Pontevedra.