A adxudicación da cafetería da Praza da Liberdade queda deserta

PONTEVEDRA> A cafetería da praza da Liberdade permanecerá pechada polo momento. A única proposta presentada para a súa explotación vén de ser desestimada por incumprir os mínimos requiridos nos pregos da convocatoria. Intentarase agora un procedemento negociado para adxudicar a concesión.

A cafetería da praza da Liberdade, pechada dende hai máis dun ano, permanecerá sen uso polo momento. A única oferta para reabrir o local, feita por un empresario de Arcade, non cumpría as condicións esixidas polo Concello, titular do inmoble.

O informe técnico sinala que o anteproxecto presentado polo licitador non cumpre as determinacións mínimas. Por exemplo, non define a solución estética nin do interior nin do exterior, e prevé menos equipamento do necesario. Ademais, incorría en defectos de forma, ó incluír a oferta económica no apartado técnico.

Certificado como deserto o concurso na Xunta de Goberno Local desta mañá, o seguinte paso será iniciar un procedemento negociado ó que se convocará  a empresarios do sector, entre eles o descartado.

O prego de explotación inicial era por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de prórroga de tres máis. A concesión marcaba un investimento mínimo de algo máis de 100.000 euros para a reforma do local, e un canon anual de 12.000 euros.

A cafetería dispón de preto de 140 metros cadrados construídos e pódense instalar unha terraza de 57 metros cadrados na parte traseira e outra de case 47 metros cadrados na parte dianteira.