Neste 2023, na comarca de Pontevedra todos os focos están postos en Poio. O municipio decide esta noite se cambia de ciclo, xa que coa marcha de Luciano Sobral preséntase un escenario moi aberto, no que pode pasar de todo. Os veciños deciden hoxe se lle dan continuidade ao proxecto liderado polo BNG ou se lle dan unha oportunidade ao Partido Popular.
A nova candidata nacionalista é Marga Caldas, que xa ten experiencia de goberno. Tamén pasou polo tripartito Gregorio Agís. El é o candidato do PSdeG, onde contan con medrar ata situarse por diante do Bloque, máis aínda logo da incorporación do Avante Poio de Silvia Díaz dentro do seu proxecto. Pola outra banda, o PP. Ángel Moldes é por terceira vez o candidato popular. Ante a ausencia de posibles alianzas, precisa da maioría absoluta para chegar á alcaldía.
Na cidade de Pontevedra, mentres, non se prevén grandes sorpresas. O BNG conta con manter os seus resultados e o PSdeG, medrar, agora con Iván Puentes á cabeza. Tamén confía en seguir recuperándose o PP. Teremos que esperar un chisco para saber se Pontevedra Alternativa ou Espazo Común, as novas formacións que se presentan a estes comicios, conseguen finalmente un oco no Pleno.
En Barro, por último, non se prevé unha noite de sorpresas. Queda por ver a quen beneficia a ruptura entre o PP e Landín, agora candidato de Xuntos por Barro. O PSdeG podería recoller parte deses votos, aínda que o BNG tería doado manter a súa maioría absoluta. O mesmo lle acontece a María Ramallo en Marín, onde non se cuestiona a renovación da súa amplísima maioría polo PP.