Atletas e público do Multisport 2019 xa poden consultar os mapas dos circuítos

PONTEVEDRA> Os deportistas e público asistente ó mundial Multisport que se celebrará en Pontevedra na primavera contarán con mapas detallados dos circuítos das distintas carreiras. As infografías recollen datos precisos tanto para a participación na carreira como para o seu seguimento.

Esta mañá presentáronse os mapas dos percorridos das distintas carreiras do mundial Multisport 2019. En total, son 13 infografías con todos os datos precisos para o seguimento e percepción das distintas competicións.

Cada unha das carreiras que se levarán a cabo entre os días 27 de abril e 5 de maio aparecen “radiografadas” nestas infografías que inclúen información sobre altitude, segmentos, puntos de abastecemento, servizos mecánicos, puntos de retorno e tamén as distancias de cada carreira e o número de voltas preciso para completalas. Van dirixidos tanto ós  deportistas coma ó público xeral.

O traballo, realizado polo estudio pontevedrés Sabarís Media,  é un paso máis dentro dos preparativos, xa moi avanzados, para o maior evento deportivo que se ten realizado na cidade.

Os mapas poden descargarse en distintos formatos na web pontevedra2019.org. Tamén se publicarán en papel na revista oficial da proba, así coma noutros soportes publicitarios que se realicen para a información ó público e atletas interesados.