O CIFP A Xunqueira mobilízase contra a eliminación da presencialidade en varios ciclos de FP

PONTEVEDRA> O plan da Xunta de Galicia para a Formación Profesional saca á rúa á comunidade educativa. O goberno autonómico está a informar dos cambios en diferentes ciclos, que deixarán de ser presenciais para ofrecer únicamente a modalidade a distancia. No Centro Integrado de Formación Profesional a Xunqueira de Pontevedra son tres os afectados. Hoxe alumnado e profesorado protestaron contra esta decisión.

A comunidade educativa do Centro Integrado de Formación Profesional A Xunqueira de Pontevedra está disposta a dar guerra. Hoxe saíron á rúa para manifestarse contra a decisión da Xunta de suprimir o ensino presencial en varios ciclos de FP.

Neste centro son tres os afectados. En concreto, o ciclo básico de Actividades Domésticas e Limpeza de Edificios e os superiores de Integración Social e de Promoción da Igualdade de Xénero. A partires do vindeiro curso só ofertarán ensino a distancia en liña.

Só na Xunqueira este cambio supón o peche de seis aulas, dúas por ciclo. Hai 75 alumnos afectados. Aínda que dende a Xunta aseguraron que os que comezaron presencial poderán rematar a súa formación na mesma modalidade, dende a CIG aseguran que non hai garantías. Piden, ademais, a dimisión da directoral xeral de FP, Eugenia Pérez.

Dende Erguer Estudantes da Galiza interpretan este plan da Xunta de Galicia como un paso previo á extinción dos ciclos afectados.

Non gustou a decisión pero tampouco as maneiras escollidas para comunicala. Dende a comunidade educativa acusan ao goberno autonómico de escurantismo para limitar a marxe de manobra para que se poidan forzar cambios coas protestas.

En Pontevedra, tamén está afectado por esta decisión o instituto Luís Seoane. Consideran que se trata dunha medida arbitraria e discriminatoria que prexudicará gravemente aos estudantes. Por iso relcaman á Consellería que reconsidere a postura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí