PONTEVEDRA> A promoción turística da provincia de Pontevedra para o 2019 arrincará en Fitur cunha presentación que terá como protagonistas ás produtoras e produtores. A campaña “Fame de experiencias”, promovida pola Deputación, porá en valor a enogastronomía.
A Deputación de Pontevedra deu a coñecer esta mañá as liñas mestras de “Fame de Experiencias”, a campaña turística que este ano promoverá a provincia e que se lanzará a vindeira semana na Feira Internacional de Turismo en Madrid.
A presentación da campaña en Fitur, que terá lugar o 24 de xaneiro ás 12.00 horas, será “unha homenaxe a todas as persoas que integran a cadea de valor da enogastronomía.
Segundo explicou a presidenta da Deputación, “Fame de experiencias” busca que as persoas que visitan a provincia volvan. A campaña integrará todo o territorio provincial, interior e costeiro, destacándoo como destino multiexperiencial.
Carmela Silva fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra conta con moitos recursos que a converten nun dos mellores destinos enogastronómicos do mundo, como a Denominación de Orixe Rías Baixas, as 4 denominacións de orixe protexida, as dez indicacións xeográficas protexidas, a Ruta do Viño Rías Baixas, os cinco establecementos con Estrela Michelín e os oito Soles Repsol, ademais de eventos e festas gastronómicas de interese turístico nacional e internacional.