Pontevedra salda a súa débeda co cómic: comezan as primeiras xornadas BDra

PONTEVEDRA> Xa están en marcha as primeiras xornadas de Banda Deseñada de Pontevedra. Durante toda a fin de semana o sector do cómic ten unha cita na cidade. A programación inclúe obradoiros, exposicións e relatorios entre o Museo de Pontevedra e o Teatro Principal. Aquí a terceira planta encheuse tamén de stands de librarías coa súa oferta en banda deseñada.

O teatro, o cinema, a narración, a danza ou a música teñen dende hai tempo o seu espazo en Pontevedra. Ponteatro, Novos Cinemas, As Matinés do Principal ou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil son algunhas das iniciativas que introducen estas disciplinas artísticas na programación da cidade. Hoxe Pontevedra saldou a súa débeda co cómic: comezaron as primeiras Xornadas de Banda Deseñada BDra.

Durante a fin de semana a terceira planta do Teatro Principal será o escenario de obradoiros e charlas. Un espazo que compartirán con puntos de venda de librarías e editoriais.

Vinte artistas están convidados a participar nesta programación. Pasarán pola sala do Teatro Principal autores como Ana Miralles, Kiko da Silva, Miguel Anxo Prado, Paula Cheshire ou Adrián Morgades. Un arranque por todo o alto destas xornadas que chegan para quedar.

O Museo de Pontevedra acollerá as Xornadas Profesionais, nas que participarán preto de 50 persoas. Tamén haberá varias exposicións que se poderán visitar ata o 9 de abril.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí