PONTEVEDRA> 34 novos casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Os positivos ascenden xa a 784. Deles, 61 corresponden ao Concello de Poio.
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rexistrou hoxe 34 novos casos de coronavirus. Con eles, a cifra total de contaxios ascende xa a 784. O número de hospitalizados mantense estable en 20. Deles, 12 permanecen na planta do Hospital Montecelo, 1 na do QuirónSalud Domínguez e 2 na do Hospital do Salnés. As 5 persoas restantes evolucionan na unidade de Coidados Críticos de Montecelo. Dende que a Xunta establecera restricións nesta área, o Sergas contabilizou xa 36 novos brotes.
O Xefe do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra asegurou hoxe que a segunda ola de contaxios está comezando a baixar. Miguel Álvarez Deza confirmou que a incidencia acumulada é moito menor nos últimos días e que a meirande parte dos casos son asintomáticos ou presentan unha sintomatoloxía leve. Por outra banda e, a pesar de que a Covid afecta xa a 41 persoas de diferentes colexios desta área sanitaria, dende o Sergas aseguran que non se rexistraron contaxios nos propios centros.
Miguel Álvarez Deza fixo tamén fincapé hoxe na importancia de vacinarse este ano contra a gripe. Unha campaña que arrancará o vindeiro 13 de outubro en toda Galicia.