As obras para solucionar as inundacións na rúa do Santo comezarán a vindeira semana

PONTEVEDRA> As obras para solucionar os asolagamentos na rúa do Santo, en Lourizán, comezarán de xeito inmediato. O concello de Pontevedra adxudicou os traballos pola vía de emerxencia, que suporán a renovación e ampliación da canalización do río dos Praceres nesta zona. A intervención, que conta con todas as autorizacións favorables, conta cun orzamento de máis de 491.000 euros e estará rematada nuns tres meses.

A vindeira semana comezarán as obras para solucionar os asolagamentos na rúa do Santo, en Lourizán. O alcalde de Pontevedra asinou o decreto de emerxencia para a renovación da canalización do río Praceres neste punto.

A obra ten un orzamento final de máis de 491.000 euros. Contempla a substitución da actual canalización do río de 800 milímetros por un tubo de 1.200 milímetros nunha lonxitude de 124 metros. Ademais, construiranse sete arquetas no treito entre a vía do tren e a rúa do Santo.

Tamén se executará unha nova conexión para augas residuais de 73 metros, paralela á canalización do regato. O contrato establece un prazo de execución de tres meses, polo que os traballos se estenderán previsiblemente ata finais do mes de setembro.

Este mércores asinarase a acta de replanteo para comezar coa maquinaria a mediados da vindeira semana. Todo despois de recibir a autorización favorable de ADIF, que estaba pendente. O concello xa contaba co visto bo de Augas de Galicia e da Axencia Galega de Infraestruturas.