Os celadores volven mobilizarse para reclamar a categoría sanitaria para o colectivo

PONTEVEDRA> Os celadores reclaman ser categoría sanitaria. O colectivo volve mobilizarse para conseguir esta vella demanda, que afecta a todos os celadores a nivel estatal. O seu voceiro na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Gustavo Olmedo, explica que xa mantiveron unha reunión co grupo do Partido Popular no Parlamento de Galicia para dar forma á proposición non de lei que impulse a súa reclamación.

Están presentes en todos os servizos dun centro hospitalario pero non son considerados categoría sanitaria. Para poñer fin a esta situación, os celadores retoman unha vella demanda a nivel estatal.

Con este obxectivo, no mes de novembro mantiveron unha primeira reunión co grupo parlamentario do Partido Popular. Agora están pendentes de fixar data para un segundo encontro. O colectivo entregoulles como referencia o borrador da proposición non de lei que xa se debateu nas cortes de Castela e León. E é que varios parlamentos autonómicos xa abordaron esta demanda.

Os celadores da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés comparten esta reclamación co resto de compañeiros do Estado, pero tamén teñen demandas a nivel máis local. Aquí esixen contratacións máis dignas.

Outra das súa reclamacións é que os celadores estean presentes en calquera comisión de seguimento que se constitúa sobre as obras do Gran Montecelo. Neste novo centro demandan contar cun novo espazo para o seu colectivo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí