Avanza a rehabilitación das Casas Modernistas, a ‘obra do século’ para A Illa

A ILLA> Avanzan os traballos de rehabilitación das Casas Modernistas da Illa de Arousa. Concello e Deputación de Pontevedra investiron nestas obras 2,6 millóns de euros, que permitirán que as antigas vivendas acollan diferentes usos sociais. Para o alcalde insular trátase da “obra do século”, que vén completar o espazo de 13.500 metros cadrados para a cidadanía no que xa estaban a casa do concello e o auditorio.

Unha biblioteca municipal, un club de xubilados e un centro sociocultural aberto aos diferentes colectivos do concello. Estes son os usos que A Illa ten proxectados para as casas de Goday, Dona Tomasa e Campaneiro, máis coñecidas como as Casas Modernistas da rúa Marqués de Bradomín.

O custo da rehabilitación, que o alcalde cualificou como “a obra do século para A Illa”, ascende aos 2.6 millóns de euros. A gran maioría das achegas proceden dos diferentes plans da Deputación de Pontevedra: 1.5 millóns do Plan de Reequilibrio e preto dun millón de tres anualidades do Plan Concellos. Contías que permitirán completar un espazo de 13.500 metros cadrados para uso institucional e socio cultural.

A recuperación destas vivendas é un proxecto no que levan anos traballando os equipos de goberno que pasaron polo concello. Porén, o elevado custo dificultou que se levara a cabo.

O espazo resultante será completamente accesible e peonil. Os traballos contan cun prazo de execución de doce meses.