Mosquera anuncia un sistema de transporte público “pioneiro”

PONTEVEDRA> O concelleiro de infraestruturas anunciou no pleno de hoxe que Pontevedra contará cun sistema de transporte público pioneiro. Foi no transcurso do debate dunha moción presentada polo Partido Popular que instaba ó goberno local a asumir as concesións autonómicas que caducan este ano e que están a proporcionar o transporte fóra do casco urbano.

O PP presentou ó pleno de hoxe unha moción pola que instaba ó concello a activar os mecanismos necesarios para por en marcha o servizo de transporte público na cidade. Rafa Domínguez insistiu en que o transporte urbano é necesario dende o punto de vista económico, ecolóxico e de redución de tráfico.

En resposta á petición dos populares, César Mosquera explicou que nestes momentos xa se está a traballar no proxecto para a implementación dun sistema de transporte público cos fondos do plan EDUSI.

Dende o goberno local defenderon que os técnicos están a estudar o sistema de transporte público máis eficiente, para non ter autobuses baleiros dando voltas. O modelo a seguir podería ser o servizo “baixo demanda”.

Este modelo, cubriría tanto o casco urbano coma o rural, aínda que Mosquera aclarou que o servizo as parroquias é competencia da Xunta.

A moción do PP foi aprobada por maioría da corporación, cos votos a favor de PSOE, Marea e Cidadáns.