A cesión da avenida de Compostela desbloqueará solo que podería acoller un milleiro de vivendas

PONTEVEDRA> A cesión ao concello de Pontevedra dun treito da estrada Nacional 550 e da avenida de Compostela anunciada onte polo Ministerio de Transportes permitirá á cidade medrar cara o seu acceso norte. Segundo explicou hoxe o concelleiro de Infraestruturas, a medida suporá o desbloqueo urbanístico de varias parcelas baleiras na contorna. Un espazo que, segundo César Mosquera, podería acoller ao redor dun milleiro de novas vivendas.

A cesión ao concello de Pontevedra do treito da Nacional 550 dende o estadio de Pasarón ata San Caetano permitirá á cidade medrar cara o seu acceso norte. A decisión do Ministerio de Transportes supón o desbloqueo urbanístico de varias parcelas na zona que poderían acoller un milleiro de novas vivendas.

En concreto, son terreos situados entre a glorieta de Pasarón e a rúa Francisco Asorei, na marxe esquerda da avenida de Compostela. Ata o de agora, estaban afectados pola Nacional 500. O cambio de titularidade reducirá os requisitos de construción.

Tras coñecer a decisión do Ministerio, o concello xa encargou un proxecto de seguranza viaria na avenida de Compostela. Unha actuación que teñen clara é a retirada da pasarela peonil. Tamén se executarán medidas para o calmado do tráfico neste espazo, integrándoo na cidade.

O concello tamén ten previsto limitar a velocidade de circulación ata os 30 quilómetros por hora. Actualmente, a velocidade máxima permitida é de 80 quilómetros por hora. Así as cousas, Mosquera adiantou que será unha redución progresiva e que non se aplicará ao completo ata que a estrada non estea transformada.