Gandeiros do Barbanza piden medidas para reducir a poboación de lobos na serra

    BARBANZA> Os gandeiros da Serra do Barbanza reclaman implicación da administración autonómica para loitar contra os ataques do lobo. Nas últimas semanas, numerosas reses apareceron mortas ou malferidas polo ataque deste animal.

    Os gandeiros do Barbanza reclaman medidas drásticas para combater os ataques do lobo. O incremento da presenza deste animal na serra do Barbanza derivou en constantes perdas para os gandeiros, chegando moitos a darse de baixa ante a imposibilidade de manter as explotacións.

    Ante esta situación, as distintas asociacións de gandeiros iniciaron unha campaña de recollida de sinaturas instando ás Consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente a artellar un sistema de batidas que axude a reducir a poboación de lobos na serra.

    Ademais de acabar con aproximadamente o oitenta por cento das crías, nas últimas semanas os ataques do lobo non se limitaron ó gando senón que chegou a ferir e matar a cans de caza.

    Denuncian ademais a pasividade das administracións con respecto á denegación das axudas cando se produce a perda dalgún animal.

    De non tomar medidas, os gandeiros vaticinan o fin da actividade na serra do Barbanza co consecuente abandono do monte e a perda do seu valor económico.