Pontevedra inaugurará a Casa Consistorial o 15 de novembro despois da súa rehabilitación

PONTEVEDRA> Pontevedra ten unha importante cita o vindeiro 15 de novembro. É a xornada marcada polo concello para inaugurar a Casa Consistorial, despois de dous anos pechada polas obras de rehabilitación. Será un gran acto social, ao que estarán convidadas todas as persoas que na democracia formaron parte da corporación municipal. Ademais, organizaranse visitas guiadas, vodas e os plenos municipais.

A Casa Consistorial xa está lista para inaugurar unha nova etapa na súa historia. O pasado venres asinouse a acta de recepción da obra, unha vez rematados os traballos de rehabilitación. A primeira planta do edificio estaba pechada dende 2011.

O concello quere agora recuperar o uso institucional deste edificio Comezarase coa inauguración oficial: un gran acto social ao que estarán convidadas todas as persoas que formaron parte das diferentes corporacións municipais da democracia.

Deseñado polo arquitecto Alejandro Sesmero e inaugurado en 1880, con esta reforma buscouse recuperar ao máximo a idea coa que foi concibido. A actuación permitiu gañar luminosidade no interior. Ademais, o acceso será pola rúa Alhóndiga.

A obra contou cun orzamento final que rolda os 1,8 millóns de euros. Contía que contou cunha importante achega da Deputación de Pontevedra.

O espazo está listo tamén para acoller vodas e os plenos da corporación. O primeiro será o do mes de novembro. Ademais, organizaranse visitas guiadas para que a cidadanía poida coñecer o resultado da reforma.