O “Túnel do viño galego” inaugura o primeiro andar do Mercado

PONTEVEDRA> O primeiro andar do mercado de abastos iniciará a súa nova etapa acollendo o vindeiro sábado o “Túnel do viño galego”, no que se poderán degustar caldos de tódalas Denominacións de Orixe e IXP de Galicia, así coma elaboracións máis innovadoras. A cita compleméntase cunha xornada de debate e análise sobre o futuro da viticultura ante o cambio de normativa europea, que terá lugar no Pazo da Cultura.

O “Túnel do viño galego” estreará o renovado 1º andar do mercado. Será o vindeiro sábado, 26 de xaneiro, en horario de 12.00 a 14.30 horas pola mañá, e de 17.00 a 21.30 horas pola  tarde.

Baixo o lema “Beber do país”, nesta cita poderanse degustar arredor de 100 caldos, de todas as D.O. e IXP de Galicia.

De maneira paralela, o Pazo da Cultura acollerá a xornada “A viticultura galega ante a encrucillada do 2030”, na que se analizará e debaterá sobre o novo escenario ó que se terán que enfrontar os produtores unha vez estea vixente a nova lexislación da UE.

Tamén se falará das castes autóctonas e híbridos. O presidente da Asociación Galega de Viticultura, Roberto Rivas, insistiu na necesidade de defender a viticultura galega dende as súas fortalezas, que son as  variedades e o territorio, fronte á homoxeneización que se pretende dende Europa para protexer a países con dificultades para producir viños de calidade. Outro tema para a reflexión será a integración das novas elaboracións nas zonas protexidas.

A xornada desenvolverase entre as 9.45 e as 14 horas.