PONTEVEDRA> Sen novidades sobre o futuro de ENCE e emprazados a fixar unha data para unha nova reunión en 15 días. Así rematou o segundo encontro da mesa de diálogo para buscar alternativas para a pasteira que se celebrou hoxe na Subdelegación do Goberno en Pontevedra. Neste tempo, todas as partes estudarán un documento elaborado pola empresa con máis de 400 localizacións alternativas para a factoría, que ENCE descartou por consideralas inviables.
Tras máis de dúas horas de reunión a segunda mesa de diálogo sobre o futuro de ENCE rematou sen avances. A empresa teno claro: non hai alternativa en Galicia a Lourizán. Polo que se o recurso non sae adiante no Tribunal Supremo, a factoría pechará.
Hoxe a pasteira levou á reunión un novo informe con 441 posibles localizacións en Galicia. Delas, seleccionaron as sete con máis posibilidades, pero finalmente descartaron todas.
Morán tamén advertiu que, se a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga pasa a ser firme, non hai opción lexislativa nin administrativa para manter ENCE en Lourizán.
Dende a Xunta, pola súa banda, acusan ao Goberno Central de bloquear a situación.
No que estiveron dacordo todas as partes foi en non solicitar a execución da sentenza de existir un proxecto alternativo real para evitar a destrución dos postos de traballo. Algo que, ademais, tería que estar refrendado polo xuíz.
En quince días, está previsto que se fixe unha nova data para celebrar a terceira reunión desta mesa tamén en Pontevedra. Un encontro no que, se a axenda o permite, estaría a Ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.