PONTEVEDRA> Continúa en estado grave un dos tres mozos que foron acoitelados onte na pelexa que se produciu na praza de Barcelos, en Pontevedra. Hai catro detidos por esta agresión, cunha quinta persoa identificada que os investigadores agardan arrestar proximamente. Dende o concello explican que esta zona estaba sometida a unha vixilancia especial por parte da Policía Local, por seren un punto de trapicheo de droga. Así as cousas, descartan que haxa bandas organizadas detrás da pelexa.
Continúan ingresados dous dos tres mozos que onte foron acoitelados na pelexa que se produciu a media tarde na praza de Barcelos. Un está ingresado en estado grave na Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Montecelo. O outro, que fora trasladado ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela, está estable dentro da gravidade.
En canto aos agresores, son catro os arrestados que pasarán a disposición xudicial esta semana. Foron detidos polos axentes na rúa Aduana, cando fuxían de Barcelos, levando aínda un coitelo con restos de sangue. Ademais, os investigadores teñen identificado un quinto agresor que agardan deter proximamente.
Dende o concello explicaron hoxe que a Policía Local foi a primeira en chegar ao punto da pelexa. Aseguran que esta zona estaba a ser especialmente vixiada polos axentes.
Esta vixilancia especial comezou a principios de ano. Mesmo chegaron a realizarse varias denuncias administrativas por consumo e posesión de droga. De feito, dous dos detidos onte xa foran arrestados pola Policía Local o pasado 25 de abril. Neste caso por tráfico de marihuana.
Así as cousas, dende a Policía Local consideran que a pelexa de onte, cuxa orixe está a ser investigada pola Policía Nacional, foi un feito illado. Tampouco cren que na cidade existan bandas organizadas.
A concelleira de Seguridade Cidadá destacou tamén a coordinación que existe entre as Policías Local e Nacional. Tamén se puxo en valor a colaboración cidadá que onte permitiu localizar agochada nunha xardineira a arma branca que se empregara na agresión.
Pola súa banda, dende a Subdelegación do Goberno xa anunciaron que a Policía Nacional despregará un dispositivo especial de vixilancia en Barcelos, intensificando a presenza policial. Así as cousas, Abel Losada insistiu en que Pontevedra é unha cidade segura.











