A OCDE convida ó alcalde a unha mesa redonda sobre cidades intelixentes, sostibles e inclusivas

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra recibiu unha invitación por parte da OCDE  para asistir á sétima mesa redonda de alcaldes e ministros sobre cidades inclusivas que terá lugar o 18 e 19 de marzo en Atenas. No foro de debate participarán autoridades de cidades de todo o mundo.

Pontevedra continúa falando do seu modelo urbano polo mundo. A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico invitou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a participar nun plenario internacional sobre resolución de problemas urbanos e de crecemento inclusivo das cidades. Este evento é unha plataforma única de enfoque global na que se dialogará sobre políticas urbanísticas exemplares. Lores mostrouse moi orgulloso esta mañá de que a OCDE conte con Pontevedra.

O Concello está pendente de concretar a forma na que vai participar no evento, pero o alcalde asegurou que coa súa asistencia, Pontevedra gañará máis prestixio a nivel internacional ó formar parte dos informes que realizará a OCDE sobre o crecemento incluinte nas cidades. Iso si, Lores asegurou que non é casualidade que a Boa Vila participe nunha cita coma esta.

E aínda que dende o Concello seguen traballando no modelo de cidade coa recuperación do espazo público, e compostaxe e conseguindo unha cidade inclusiva e integradora, Lores asegurou que non se van a relaxar.

Ademais de asistir á mesa redonda o día 19 de marzo en Atenas, Lores tamén está convidado a participar, o día anterior, no cuarto encontro de ‘Champions Majors’, unha iniciativa da OCDE que preside a alcaldesa de París, Anne Hidalgo, e na que se dialogará sobre as políticas necesarias para que as cidades sigan crecendo e mellorando de cara ó futuro.