Vandalizan en Ribeira unha escultura en lembranza das vítimas do franquismo

RIBEIRA> A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza condena o ataque ó monumento en recordo das vítimas franquistas de Ribeira. Esta fin de semana, a escultura de Soledad Penalta, situada na Avenida do Malecón, sufriu un acto vandálico coa rotura do alumeado e a desaparición da placa conmemorativa.

O pasado domingo, a escultura en lembranza das vítimas do franquismo que se erixe na Avenida do Malecón de Ribeira amencía sen a placa conmemorativa. Ademais de arrancala da base que se atopa ó carón do monumento os vándalos romperon o alumeado nun claro acto de ataque contra a liberdade de expresión e a memoria democrática.

Dende a Comisión condenan enerxicamente este acto e piden ó resto da cidadanía e dos grupos políticos da corporación ribeirense que fagan o propio co fin de que non queden impunes estes actos de intolerancia e ataque ós dereitos humanos.

Neste sentido, tanto o BNG como o PSOE ribeirense xa emitiron comunicados condenado esta acción, demandando a reparación inmediata do monumento e esixindo unha resposta contundente por parte do goberno local.