A xustiza avala as distincións dos fillos adoptivos da Pobra

POBRA> A xustiza vén de dar a razón ó partido Popular da Pobra na loita por recoñecer o título de fillos adoptivos de Segundo Durán e Gerardo Fernández Albor. A sentenza emitida polo Contencioso Administrativo de Santiago declara nulo o acordo plenario de 2018 polo que se retiraban as distincións.

A xustiza ratifica a condición de Segundo Durán e Gerardo Fernández Albor como fillos adoptivos do concello da Pobra. Así o establece a sentenza que vén de emitir o Xulgado do Contencioso Administrativo de Santiago en resposta ó recurso presentado polo PP pobrense. O fallo impugna o acordo adoptado polo pleno en xullo de 2018 que anulaba as distincións por non contar no momento da súa concesión co apoio de dous terzos da corporación. O tribunal entende que só e preciso a maioría simple, en virtude da Lei de Bases de Réxime Local, que prevalece sobre o Regulamento de Honras e Distincións do concello.

En base a estes criterios tamén Anxo Rei Ballesteros contaría co título de fillo adoptivo. Foi precisamente a proposta de distinguir o escritor a orixe da polémica . En abril de 2017 non saía adiante a pesar de contar co apoio de tódolos grupos agás do PP. Foi entón cando se plantexou a revisión das dúas anteriores distincións por non contar tampouco con maioría cualificada.

Á marxe da satisfacción que supón a sentenza, o PP agarda unha desculpa pública por parte do equipo de goberno, dirixida a tódolos pobrense e en especial ás familias de Durán e Fernández Albor.