Detido un boirense por tráfico de drogas

BOIRO> A Garda Civil de Boiro dá por desmantelado un punto de venda e distribución de droga. Faino despois da detención dun veciño da localidade, ó que que se lle acusa dun presunto delito contra a saúde pública. O arresto producíase no marco da denominada ‘Operación Cachada’.

A Garda Civil de Boiro detivo a un veciño da localidade como presunto autor dun delito de tráfico de drogas. As investigacións realizadas polos axentes iniciáronse xa hai preto dun ano, e permitiron a detención en plena rúa deste individuo.

No operativo interviñéronlle varias substancias dispostas para a venda, que levaba agochadas na súa roupa. Entre o material ilícito incautado destacan dúas pedras de cocaína de 0,92 gramos, unhas catorce bolsiñas desta mesma substancia, e outras oito de heroína. Tamén lle interviñeron sete bases de heroína en papel de prata e dous anacos de haxix, cun peso superior ós catro gramos.

Na operación ó prendido tamén se lle retiraron uns 340 euros en efectivo. Segundo fontes policiais trátase un vello coñecido polas forzas da orde e dáse a casualidade que acabada de cumprir condena de dez anos no cárcere por feitos similares.