Os navegantes do ‘Camiño a Vela’ recalaron en Arousa antes de chegar a Santiago

A POBRA> Os participantes do Camiño a Vela recalaron esta fin de semana no Barbanza como paso previo ó fin da ruta ata Compostela. As 22 embarcacións foron recibidas pola Mancomunidade Barbanza Arousa no porto deportivo da Pobra na penúltima etapa do seu camiño marítimo.

O pasado 6 de xuño, unha vintena de embarcacións partían do porto francés da Rochelle. Tras máis de 20 días en ruta, con xornadas complicadas por mor do estado da mar, esta fin de semana recalaban nas Rías Baixas.  A primeira parada foi no porto da Pobra onde os responsables da Mancomunidade Barbanza Arousa lles tiñan preparada unha ampla axenda para coñecer os encantos da comarca.

Tras recalar no Barbanza partiron cara Vilagarcía na que foi a última etapa marítima antes de alcanzar Compostela a pé.

Nesta novena edición, Navega o Camiño consolidouse xa como unha das rutas xacobeas por  mar máis importantes con preto de 200 peregrinos de diferente procedencia.

Dende a organización destacaron as moitas facilidades con que contan grazas á implicación da Mancomunidade Barbanza Arousa polo que xa pensan na vindeira edición para a que xa contan con algunha embarcación inscrita.