POBRA> Os nacionalistas da Pobra levarán a pleno unha moción sobre a titularidade dun cruceiro situado nunha finca privada. Entenden dende o BNG que se trata dun elemento público que foi trasladado de xeito irregular hai máis de dúas décadas.
O BNG da Pobra volve interesarse pola posta en valor do patrimonio do municipio. Desta volta, levarán a pleno unha moción o vindeiro xoves para esclarecer a titularidade deste cruceiro, que ata mediados dos oitenta estivo situado na rampla de San Lázaro. Con motivo das obras do peirao comercial, os nacionalistas denuncian que foi trasladado de xeito irregular a esta propiedade privada.
Ademais de aclarar a titularidade deste elemento patrimonial, o BNG demanda a apertura dun expediente sobre o seu traslado e a súa recuperación para o catálogo de bens públicos do concello. Así mesmo, solicitan que se instale nunha zona pública para o disfrute de tódolos veciños.