Rañeir@s ve dificultades na reapertura do libre marisqueo

RIANXO> A volta ó traballo nos bancos do libre marisqueo de Arousa deixa un panorama practicamente idéntico ó de antes do peche. Tan só hai algo de ameixa xapónica nos Lombos do Ulla mentres que en Cabío e O Bohído segue sen recuperarse a produción.

Os mariscadores de Arousa retomaban esta semana a campaña do libre marisqueo tras tres semanas de peche temporal para recuperar os prezos tralo Nadal. Poucas novidades as que se atoparon nos bancos con escaseza de marisco.

Ademais da baixa produtividade, Rañeir@s da Ría terá que facer fronte a novos problemas na aplicación do seu plan de xestión. Entre eles, a dificultade para recadar o un por cento de cada confraría.

Dende a entidade propuxeron á Consellería de Mar que lles facilite a facturación das confrarías para poder aplicar esa porcentaxe. Sen embargo, a administración entende que debe realizarse o cobro por cada embarcación; algo que consideran inviable dende Rañeiros.

Á espera de ver como se resolve esta nova traba, a campaña seguirá a desenvolverse ata mediados de abril. Sen embargo, serán os prezos e as capturas as que determinen a evolución da actividade no libre durante os próximos meses.