CAMBADOS> O Partido Popular de Cambados quere que a alcaldesa aclare as informacións sobre a súa presunta relación co contrabando. A formación vén de solicitar un pleno extraordinario; convocatoria que, aseguran, é unha oportunidade para limpar a imaxe de Fátima Abal e de Cambados. A sesión debería celebrarse no mes de febreiro.
O Partido Popular de Cambados pide explicacións a Fátima Abal sobre as informacións que a relacionan co contrabando. As novas foron publicadas en varios medios, un deles de tirada nacional, e vencellan ao seu marido cunha persoa que foi investigada pola súa presunta relación con esta práctica.
O PP ten votos suficientes para forzar a convocatoria deste pleno extraordinario, que debería celebrarse no mes de febreiro. Segundo Luis Aragunde, esta oportunidade é boa para Fátima Abal e para a vila.
No pleno ordinario convocado para este xoves, debaterase unha moción do Partido Popular na que a formación insta a reclamar a un xornal deportivo de tirada nacional unha rectificación e unha desculpa por referirse ao Club Juventud de Cambados como Fariña Fútbol Club.