SATSE busca o apoio das institucións para o aumento da ratio enfermeira-habitante

PONTEVEDRA> O sindicato de enfermería Satse reuniuse esta mañá coas concelleiras Anxos Riveiro e Pilar Comesaña para recadar o apoio do Concello de cara á presentación da Iniciativa Lexislativa Popular para que se mellore a ratio enfermeira/habitante na sanidade pública. Ademais de xuntanzas con institucións e grupos políticos, continúan a recoller as sinaturas necesarias para a presentación da proposta no Congreso.

Representantes de Satse en Pontevedra mantiveron unha xuntanza no Concello na que expuxeron a ILP que queren presentar no Congreso para que se mellore a ratio enfermeira/habitante na sanidade pública. O colectivo consideran que o número de profesionais é insuficiente para unha adecuada atención ós pacientes e indican que en Galicia, ademais, está por debaixo da media española.

Insisten en que a mellora da ratio é unha cuestión necesaria, especialmente en rexións coma Galicia, cun acusado envellecemento da poboación.

A recollida de sinaturas, que se está a desenvolver a nivel estatal, vai ben encamiñada, pero aínda non son suficientes para a presentación da ILP.

Para acadar o seu obxectivo están a presentar a súa reivindicación ás distintas institucións e grupos políticos. Ademais da moción rexistrada no Concello para que o Pleno municipal faga unha declaración conxunta de apoio, presentarán outra na Deputación.