PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra recibiu esta mañá á nova coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, proxecto que preside o alcalde e que ten como obxectivo que as políticas de mobilidade urbana pensen no peón.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou esta mañá á nova coordinadora da Rede de Cidades que Camiñan, que dende onte está de visita en Pontevedra para profundar no coñecemento do seu modelo urbano. Con este proxecto, que naceu no ano 2012 e do que Lores acaba de saír reelixido como presidente, preténdese que as cidades permitan a convivencia e os desprazamentos peonís no espazo público.
A coordinadora mostrouse realmente sorprendida coa visita e recoñeceu que as expectativas que tiña sobre o modelo urbano de Pontevedra foron superadas.
Ana Montalbán asegurou que a Boa Vila é un referente mundial en canto á transformación urbana e que por iso o seu modelo é aplicable a outras grandes cidades.
Por outra banda, o alcalde recibirá mañá, xunto coa coordinadora da rede, a doce membros da delegación da Asociación Catalana de Municipios, que visitan Pontevedra para estudar de primeira man o seu proceso de transformación urbana. Ademais, o martes que vén, Lores e Montalbán reuniranse co Director Xeral de Tráfico, Pere Navarro, para que os peóns gañen peso nas políticas do organismo que dirixe.