O sector das ambulancias intensifica as súas protestas e anuncia folga indefinida

PONTEVEDRA> Traballadores do sector de ambulancias e representantes da CIG, CCOO e UXT concentráronse hoxe diante da entrada de consultas do Hospital Provincial coma parte das mobilizacións pola ruptura das negociacións do convenio colectivo. As protestas intensificaranse a partir do venres que vén con paros intermitentes e unha folga indefinida a partir do 20 de marzo.

O sector das ambulancias en Galicia inicia mobilizacións con motivo da falta de acordo no que se refire ó convenio colectivo. Despois de tres anos, a mesa de negociación rompeuse tras propoñer a patronal  unha redución do 10% coa posibilidade incluso de impagos a partir do mes de marzo.

Os sindicatos responsabilizan á Xunta da situación, xa que os contratos de transporte sanitario os fan o 061, dependente da Consellería de Sanidade, para as urxencias; e as xerencias das áreas sanitarias para os servizos non urxentes. Denuncian que os contratos se sacan a concurso por debaixo do seu custe.

As mobilizacións, de carácter autonómico, inclúen paros do 8 ó 11 de febreiro; do 18 ó 24 de febreiro; e do 4 ó 10 de marzo. A partir do 20 de marzo a folga será indefinida. Cubriranse só os servizos de urxencias.

No sector das ambulancias traballan máis de 1.500 persoas. Hoxe celebráronse concentracións en todos os hospitais de referencia das sete cidades galegas.