O temporal desprende a cuberta da piscina municipal e derruba un cruceiro en Noia

NOIA> A borrasca Herminia deixou numerosas incidencias na comarca de Muros-Noia. O forte vento provocou o desprendemento de varias pranchas da cuberta da piscina de Noia que obrigou a pechar a instalación. Tamén derrubaba parte dun cruceiro na parroquia de Barro.

Aínda que as precipitacións foron tamén importantes, o forte vento foi o protagonista do paso da borrasca Herminia pola comarca de Muros Noia.

Como mostra, o estado en que quedou a cuberta da piscina municipal despois de que o temporal arrancase varias pranchas da cuberta metálica. Esta incidencia obrigou a pechar a instalación, coas consecuentes molestias para os usuarios, pero afortunadamente non causou danos persoais.

A pasada noite, o temporal deixaba outra incidencia importante en Noia. Na parroquia de vento tirou tamén parte do cruceiro da Eiroa que quedou feito anacos. Trátase dun elemento patrimonial con máis dun século de historia. data de 1879 pero xa foi obxecto dunha remodelación en 2001 cando un coche colidiu contra o piar do cruceiro e acabou tamén por derrubalo.

Para evitar novas incidencias, o concello de Noia ó igual que moitos outros en Galicia, decretou o peche dos parques e zonas perigosas. Desaconséllase tamén achegarse á costa posto que todo o litoral da provincia permanece en alerta vermella coa flota amarrada e ondas que poden chegar ata os 10 metros de altura.