POIO> O Concello de Poio contará cun orzamento de algo máis de 12 millóns de euros para o 2019, un 5,6% máis que o anterior. Do reflectido no documento, o goberno local destaca a conxelación das taxas, a redución da débeda e o incremento das partidas de contido social.
O orzamento municipal de Poio para o 2019 ascende a algo máis de 12 millóns de euros, uns 700.000 máis que o ano pasado. O 56% dedicarase ó gasto corrente, co que se proporcionan servizos ós veciños.
O concelleiro de facenda destacou que coma nos últimos exercicios as taxas municipais están conxeladas.
Tamén apuntou que este ano podería quedar liquidado o déficit xerado dende o 2009, e destacou a redución da débeda.
En canto ó capítulo de investimentos, o orzamento contempla 578.000 euros, se ben o remanente de tesourería, en torno a 1 millón seiscentos mil euros, tamén se dedicará a obras. Pola súa banda, a tenente de alcalde destacou o incremento do gasto social.
Os orzamentos para o 2019 serán levados mañá á comisión de Facenda e debateranse nun pleno extraordinario que se celebrará o vindeiro xoves para a súa aprobación.