O Concello de Pontevedra toma medidas ante o coronavirus e retrasa o pago de viñetas e de valados

PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra aprobou esta mañá unha moratoria no pago de viñetas e na taxa de valados e mercados. Así o anunciou esta mañá o alcalde a través dunha rolda de prensa virtual. Esta medida foi tomada co obxectivo de minimizar as consecuencias económicas que a crise do coronavirus está a deixar na cidade.

O Concello de Pontevedra retrasa o pago do imposto sobre os vehículos de tracción mecánica e o padrón de mercados e valados. Esa é a primeira medida económica que toma o goberno municipal co obxectivo de minorar as consecuencias da crise do coronavirus. Deste xeito, o imposto de circulación poderá pagarse entre o 4 de maio e o 6 de xullo.

O alcalde de Pontevedra anunciou tamén esta mañá que o goberno municipal está a estudar a posibilidade de rebaixar as facturas de auga e lixo. Ademais, o Concello axilizará o pago de nóminas e provedores co obxectivo de facilitar a súa liquidez. Outra das prioridades do goberno municipal nesta crise sanitaria é garantir a atención ás persoas máis vulnerables. Neste eido, Miguel Anxo Fernández Lores recordou as dúas liñas telefónicas que están dispoñibles ante calquera necesidade.

Para as vítimas de violencia machista, o Concello pon a súa disposición o número 900 119 741. O horario de atención é de 9:00h a 21:00h. O alcalde aproveitou tamén esta rolda prensa online para agradecer a toda a cidadanía o seu compromiso e responsabilidade durante o estado de alarma. Sen embargo, nos últimos días a Policía Local de Pontevedra denunciou xa a 20 persoas que estaban a incumprir as restricións ditadas polo Goberno.

O alcalde recordou tamén esta mañá que todos os funcionarios do Concello están traballando arreo, ou ben de maneira física ou mediante o teletraballo, co obxectivo de garantir todos os servizos municipais.