A última operación contra o narcotráfico intervén 4 toneladas de cocaína e deixa doce detidos

SALNÉS> Novo golpe contra o narcotráfico na ría de Arousa. O operativo desenvolvido onte deixou doce detidos na comarca do Salnés e 4.000 quilos de cocaína intervidos.  A droga atopábase nun barco mercante en augas de Canarias que xa navega cara o porto de Vigo.

4 toneladas de cocaína intervidos e doce detencións en Galicia, varios deles no Salnés. Este é o balance que deixa a última operación contra o tráfico de drogas desenvolvida polo GRECO Galicia da Policía Nacional, o Servizo de Vixiancia Aduaneira e a Garda Civil. Os estupefacientes atopábanse nun barco que navegaba en augas Canarias.

De xeito paralelo, en Galicia realizáronse varios rexistros en Vilanova, Vilagarcía, Cambados, A Illa, Sanxenxo ou O Grove. Entre os detidos hai nomes coñecidos do mundo do narcotráfico, como o vilanovés Braulio Vázquez, coñecido lancheiro. En busca e captura está Juan Carlos Santórum, que se deu á fuga pouco antes de ser detido.

Está previsto que o barco chegue ao porto de Vigo mañá.

No marco da operación os axentes tamén localizaron numerosa documentación que podería dar pistas sobre a orixe e o destino da droga incautada. Este é o segundo golpe contra o narcotráfico que se realiza no Salnés durante o Estado de Alarma. O operativo continúa aberto, e está a ser coordinado polo xulgado número 3 de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí