“As novas do Concello na palma da túa man” en Pontevédrate

PONTEVEDRA> O concelleiro de Novas Tecnoloxías presentou hoxe a app Pontevédrate, que ofrecerá información dos distintos departamentos municipais, de servizos como o lixo ou a auga, ademais de enlazar coa web do Concello ou a páxina de inscrición nas actividades municipais. A aplicación, desenvolvida por Tok App, estará dispoñible para Android e iOS.

“As novas do Concello na palma da túa man”, baixo este lema presentouse esta mañá a aplicación “Pontevédrate”, unha ferramenta para acceder á información municipal e incluso realizar algún trámite, coma a inscrición nas actividades promovidas polo Concello.

Xa se pode descargar para Android e, dende o vindeiro luns estará dispoñible tamén para iOS. Os usuarios poderán filtrar as noticias e avisos por temáticas.

Tamén inclúe información práctica dos servizos municipais e acceso á web do concello www.pontevedra.gal. Igualmente, ofrecerá información doutros centros de ensino, entidades deportivas ou asociacións que xestiona TokApp, a empresa que desenvolveu a ferramenta.

Durante o período de probas “Pontevédrate” conseguiu máis de 400 subscritores.